Grande éxito da xira de Nadal de BrincaBolechas

O Circo de Nadal dos Bolechas revelouse como o gran éxito deste Nadal, tras encher todos os teatros e auditorios polos que pasou.




"BrincaBolechas. Circo de Nadal" esgotou as localidades nas oito vilas nas que se puido ver o espectáculo e mesmo quedou xente ás portas dos teatro en espera de conseguir unha entrada de última hora, algo imposible ante o éxito da venda anticipada que acabou con todos os pases existentes antes do día de cada espectáculo.

Tras comezar a xira o día 26 de decembro en Lugo, BrincaBolechas pasou por Vigo, Santiago de Compostela, Pontevedra, Ourense, Lalín, Ferrol e Vilagarcía de Arousa, onde todo o equipo se despediu o pasado luns, 7 de xaneiro, tras chegar a máis de 7.500 espectadores de toda Galicia.

Un grande equipo 

En total, participaron nesta xira máis de medio centenar de persoas, entre equipo técnico, loxístico e artístico, este último dirixido por Marcos PTT e integrado por unha das compañías máis relevantes do actual panorama cultural galego, Pistacatro, responsable da dirección artística de todo o espectáculo. Ademais outra compañía, Xarume, encargouse de dar vida aos propios Bolechas. E á fronte de todo isto estiveron os coñecidos artistas Pepa Yáñez e Víctor Mosqueira, que exerceron de anfitrións e condutores das galas, demostrando as táboas e a boa conexión que teñen co esixente público infantil.

Producida por Edicións Bolanda, a xira contou co patrocinio e a colaboración de Sogama, Novacaixagalicia, Novagalicia Banco, a Televisión de Galicia e a Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Ademais do propio Circo de Nadal, un musical infantil con especial protagonismo das cancións dos Bolechas –tanto os temas xa coñecidos como os novos que estrearon para a ocasión–, esta xira contou con outras atraccións e xogos que gozaron de tanto ou máis éxito que o propio espectáculo, como foi o photocall virtual no que os máis pequenos puideron retratarse cos seus personaxes preferidos en divertidas situacións e enviar a foto por correo electrónico para tela de recordo. Tamén o xogos das ventás que permitía coñecer a todos os membros da familia Bolechas gozou de gran aceptación.

E moitos pais interesáronse polos novos libros dos Bolechas, recentemente editados, tanto o do circo como O reloxo de Carlos e a Biblioteca Básica Os Bolechas, a gran obra de 12 tomos destinada a converterse na primeira e máis divertida biblioteca dos cativos e cativas de Galicia, e que trae de agasallo a tan desexada Muuulecha. Tamén os vasos e a mochila dos Bolechas cativaron aos máis pequenos, moitos dos cales aproveitaron a ocasión para facerse socios do Club dos Bolechas.

Miles de socios no Club dos Bolechas

Grazas a esta boa acollida, o Club dos Bolechas logrou aumentar espectacularmente o seu número de socios, os cales poden gozar das vantaxes de pertencer a este grupo, como descontos en certos produtos, acceso á zona privada da páxina web, comunicación de primeira man sobre a actualidade dos Bolechas e a recepción do carné de socio, tamén recentemente modificado para ofrecer un novo formato e un deseño máis atractivo.

Aqueles que aínda non sexan socios poden facerse nesta mesma páxina web, onde tamén poden seguir todas as novidades desta familia, ao igual que nas redes sociais, Facebook, Tuenti, Twitter e Youtube.









Arquivos