A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, presentou esta mañá no CEIP San Francisco Javier da Coruña a nova colección dos Bolechas destinada a concienciar as nenas e nenos galegos no coidado do Planeta.
O departamento autonómico distribuirá entre a comunidade escolar máis de 80.000 exemplares desta colección composta por seis guías nas que se trata o coidado da Terra, da auga e dos animais así como cuestións relacionadas co tratamento do lixo e a reciclaxe.
A Consellería de Medio Ambiente elixiu marzo para esta presentación por ser un mes de celebracións e conmemoracións nesta materia ao celebrarse o próximo xoves 22 o Día Mundial da Auga e o venres 23 o Día Meteorolóxico Mundial. Beatriz Mato destacou que coñecer a natureza é o primeiro paso para protexela, de aí a importancia de guías coma estas que permiten achegar a mensaxe non só ás nenas e nenos senón a toda a contorna escolar e familiar, de xeito que os pequenos convértense nos “mellores embaixadores do noso planeta”.
Unha colección de seis títulos
A través dos Bolechas, os libros da colección ensínanlle aos escolares dun xeito didáctico e divertido como coidar a Terra, facer un uso responsable da auga, como coidar aos animais de compañía e como protexer o medio ambiente a través da xeración de menos lixo e a reciclaxe do mesmo.
O título Os Bolechas coidan a auga explica a importancia e o ciclo que segue a auga desde que cae do ceo ata que chega ás nosas casas abrindo a billa e trasladan consellos para non malgastala.
Axudamos á Terra aborda como a acción dos humanos está a cambiar o clima e mesmo pon en perigo a vida, tanto dos humanos como dos animais e as plantas, polo que é precisa a colaboración de todos para mudar os comportamentos que danan o planeta.
En Sultán non ten microchip explícase a importancia deste dispositivo para identificar os animais e os seus donos así como para termos información útil sobre o estado de saúde do animal.
E finalmente hai tres títulos relacionados co lixo, un dos graves problemas medioambientais que existen na actualidade en todo o mundo. Xeramos demasiado lixo e resulta moi difícil poder tratalo adecuadamente, polo que os primeiros consellos son os que se dan na guía Como producir menos lixo. No título Que se bota no contedor amarelo ensínase a diferenciar ben que debe ir a este contedor e o que non debemos botar, para facilitar a clasificación do lixo na planta de tratamento e a reciclaxe destes refugallos. E na guía Que se fai co lixo que chega a Sogama explícase como funciona o tratamento do lixo na nosa comunidade desde que tiramos algo no cubo da casa ata que chega a Sogama e, unha vez alí, o que se fai cos diferentes tipos de residuos.
Tras a presentación, os escolares recibiron cadansúa colección e participaron en varios talleres e pasaron unha divertida xornada na compaña dos Bolechas corpóreos, que aproveitaron para coñecer o colexio visitando varias das aulas e vendo os traballos que desenvolven as alumnas e alumnos do centro.