Os Bolechas preparan a súa viaxe ao Polo Norte este Nadal
Nadal no Polo Norte é a proposta que presentamos este ano dentro do programa Nadal en Rede da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Desde o 22 de decembro ata o 7 de xaneiro os Bolechas percorrerán nove localidades da Rede de Dinamización Lingüística.
Hoxe presentouse toda a programación do Nadal en Rede, a máis ampla da historia, tanto por número de propostas, un total de 13, como lugares aos que chegarán, 75 entidades da Rede de Dinamización Lingüística (RDL). A programación inclúe un amplo abano de actividades (obradoiros, concertos e teatro) dirixidos a diferentes públicos: infancia, mocidade e persoas adultas que, en moitos casos, poderán gozar xuntas das diferentes propostas.
Nadal no Polo Norte Os Bolechas volven participar neste programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración con Gadis e coa Televisión de Galicia, cunha proposta teatral para toda a familia a cargo dos muppets. A historia transcorre no Nadal. Sonia quere facer un boneco de neve, pero non un calquera, quere un boneco que non se derreta! Propóñenlle facelo de algodón, para que sexa suave e branco como a neve, pero máis duradeiro. Pero Sonia quere neve de verdade e iso complica as cousas… A non ser que se faga no Polo Norte, porque alí sempre vai frío! E alá van os Bolechas, a vivir unha nova aventura con todas as nenas e nenos que os acompañen nesta xira.
Datas e lugares
Sábado 22 de decembro, no Pavillón Municipal dos Deportes do Porriño, ás 18:00 h.
Domingo 23 de decembro, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, ás 18:30 h.
Mércores 26 de decembro, no Salón José Peña de Cambados, ás 18:00 h.
Xoves 27 de decembro, no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, ás 18:00 h.
Sábado 29 de decembro, no Auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo, ás 18:30 h.
Xoves 3 de xaneiro, no Auditorio Municipal de Ourense, ás 19:00 h.
Venres 4 de xaneiro, no Centro Cultural de Muros, ás 18:00 h.
Domingo 6 de xaneiro, no Auditorio Municipal Reveriano Soutullo, ás 17:00 h.
Luns 7 de xaneiro, no Auditorio Municipal de Rianxo, ás 18:00 h.