Papá Noel agasallará as nenas e nenos do Pino cun libro dos Bolechas

Este venres, 18 de decembro, Papá Noel visitará o concello do Pino para agasallar as alumnas e alumnos do CPI do Camiño de Santiago e da EEI de Gonzar co libro Os Bolechas van ao Pino. 


16 de decembro de 2015



Es venres, 18 de decembro, as nenas e nenos do colexio do Camiño de Santiago e da escola infantil de Gonzar recibirán unha visita moi especial. Papá Noel estará no Centro Socio Cultural Luis Seoane do Pino para agasallar os cativos co libro Os Bolechas van ao Pino a facer o Camiño de Santiago, promovido polo Concello para dar a coñecer as marabillas deste municipio.

Esta aventura dos Bolechas transcorre na ruta xacobea ao seu paso polo municipio. Os irmáns queren percorrer o Camiño de Santiago coa súa amiga Candela, que é do Pino. Mais a nena está no Concello e pídelles que vaian ata alí e, de paso, lle leven dous galos que ten na casa da súa avoa. Son dous galos piñeiros moi testáns, e cada un quere ir por unha ruta, así que Os Bolechas divídense. Uns van polo Camiño do Norte con Cocorocó e outros polo Francés con Cacaracá. Pero as dificultades non rematan aí.

Ademais de gozar dunha divertida aventura dos seus personaxes favoritos, as nenas e nenos do Pino poderán coñecer as riquezas da terra na que viven, lugares tan fermosos e cheos de historia como as igrexas de San Xiao, Santa María de Gonzar e Santa María de Budiño, a fervenza do río Noa ou a ponte romana de San Vicenzo do Pino.









Arquivos