Os Bolechas presentan un libro homenaxe a Francisco Fernández del Riego
A familia dos Bolechas non quixo perderse unha data tan especial como o Día das Letras Galegas, para iso viaxaron ata as dependencias da Caixa Rural de Lugo, onde presentaron un libro homenaxe dedicado a Fernández del Riego, autor premiado este ano. No acto estiveron presentes o alumnado do CEIP Sagrado Corazón de Lugo e diversas autoridades como o presidente da entidade, Manuel Varela, que sinalou a “importante labor que fan os Bolechas para promover a cultura galega entre os cativos”.
A Caixa Rural de Lugo acolleu, o pasado 11 de maio, a presentación dun novo título da colección As miñas primeiras Letras Galegas dos Bolechas, dedicado este ano a Francisco Fernández del Riego, o autor homenaxeado polo 17 de maio. Arredor de 25 alumnas e alumnos do CEIP Sagrado Corazón de Lugo participaron na presentación, ademais dos propios Bolechas, que recibiron e acompañaron aos escolares na cidade lucense.
Nesta aventura dos Bolechas, Braulio conta a odisea dos personaxes do libro Galicia de Fernández del Riego, impulsor do Día das Letras Galegas. No percorrido dos Bolechas por toda a xeografía, soben montañas e percorren vales e vilas coñecendo a riqueza da nosa terra, ao mesmo tempo que narran a biografía do autor. As andainas dos personaxes fan que a cativada se achegue á linguaxe e ao estilo do autor, do que tamén se ofrece unha pequena biografía no libro. As últimas páxinas inclúen un minidicionario con algúns termos para facilitar a comprensión do texto e completar a experiencia lectora da nena ou neno.
O presidente de Caixa Rural Galega, Manuel Varela, aproveitou a presentación para contarlle aos cativos que el tamén foi profesor. Ao mesmo tempo, quixo agradecer “o labor impagable que fan os Bolechas achegando a cultura galega aos máis pequenos a través do divertimento”, nas súas palabras. O presidente engadiu que é necesario este tipo de iniciativas para que o alumnado non se canse de escribir e “sigan facendo felices a nenos e nenas”. Igualmente, quixo agradecer á real Academia Galega que dedique este día tan prezado a “un lucense da Lourenzá, algo que é de xustiza, pois promoveu a cultura do noso país”, sinalou.
Ao acto tamén asistiron Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Antonio Couto de Ediciones Bolanda; ademais de Manuel Varela, Jesús Méndez e José Manuel López; presidente, director xeral e director comercial de Caixa Rural Galega, respectivamente.
Este proxecto editorial, que conta xa con medio centenar de títulos, é unha realidade grazas á colaboración de entidades como a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Deputación de Ourense, a Real Academia Galega e Caixa Rural Galega, entre outras.