"Historias do meu cole" chega ao seu ecuador con participantes de máis de 250 colexios
O concurso de debuxo para escolares de infantil e primaria conta con case 50 premios entre os destinados aos participantes e os que van aos seus centros escolares.
Escolares de máis de 250 centros presentaron xa os seus debuxos ao concurso “Historias do meu cole” co que Os Bolechas, a Obra Social “la Caixa” e a Televisión de Galicia tratan de pór en valor o papel da escola e dos mestres.
Os debuxos divídense en tres categorías segundo a idade dos artistas: ata os 5 anos, de 6 a 8 anos e de 9 a 12 anos, aínda que este rango de idade amplíase no caso de nenas e nenos que acrediten algún tipo de discapacidade, co obxectivo de fomentar a integración social e facilitar a participación no concurso de todos os seguidores dos Bolechas.
Categorías e premios
Cada categoría entra no sorteo dun premio semanal, consistente nun lote formado por un curso de inglés e unha maleta dos Bolechas, e un gran sorteo final que deixará tres premios en cada categoría: os gañadores levarán un televisor (e unha tablet para o seu colexio), os segundos recibirán unha tablet para eles e os terceiros unha bicicleta adaptada ás idades de cada categoría. E entre os tres gañadores sortearanse 1.000 euros que irán para o seu centro escolar.
Con esta iniciativa quérese resaltar o papel que xogan o colexio e os mestres na vida das nenas e nenos galegos, así como os valores relacionados co contorno escolar. O concurso, activo desde o 10 de novembro ata o 11 de decembro, faise a través da súa propia páxina web www.osbolechas.gal/cole, onde se poden atopar as bases do certame así como as instrucións para participar.
Debuxos en papel e online ata o 11 de decembro
Hai dúas modalidades de participación: online –debuxando no propio ordenador na sección “Debuxar agora” e seguindo as instrucións–, ou en papel. Esta opción, solicitada por moitas familias e colexios, permite descargar unha folla-modelo para imprimir e debuxar ao xeito tradicional. Despois ese debuxo escaneado ou fotografado súbese á web ou mándase ao mail cole@osbolechas.com para incluílo na súa galería correspondente. Cada participante pode facer cantos debuxos queira, xa que canto máis participe máis opcións de gañar terá.
Todos os debuxos poden verse na web, onde tamén se publica a lista de gañadores, as bases do certame ou a lista completa dos premios que se poden conseguir. E aínda quedan moitos.