Gran éxito de participación do Concurso Escolar de Entroido 2022
Máis de 500 fotografías enviadas de 308 centros educativos de toda Galicia participaron no sorteo celebrado o 7 de marzo. Un total de 20 centros educativos de Galicia recibirán nos próximos días os agasallos do sorteo e o seu diploma de participación.
O Concurso Escolar de Entroido para centros de infantil e primaria de toda Galicia posto en marcha polos Bolechas e Grelo Comunicación foi todo un éxito. Desde o luns 21 de febreiro ata o venres 4 de marzo recibíronse algo máis de 500 fotografías de 308 centros educativos diferentes, desde escolas de infantil, ata centros rurais, colexios de primaria e secundaria e mesmo centros de educación especial.
O interese pola proposta quedou de manifesto tamén no aumento do tráfico rexistrado nesta web, máis dun 200% durante o transcurso do concurso, e tamén nas redes sociais, onde se acadaron máis de 1.500 impactos. Asemade, rexistráronse un total de 1539 descargas da Unidade Didáctica do Entroido de Galicia e máis de 4000 das diversas actividades que se puxeron a disposición dos centros educativos e de toda a cidadanía.
O éxito de participación confirma o desexo de recuperar esta festa tan nosa que é o entroido, e que sempre tivo moita acollida entre a cativada galega. De feito, moitos colexios aproveitaron a Unidade Didáctica e o material aportado nesta iniciativa para traballar o entroido e mesmo mandaron fotos relacionadas co traballo nas aulas deste material didácticos.
Desde fotos individuais ata clases enteiras disfrazadas, carteis, máscaras, materiais elaborados para os disfraces, pasacalles, aulas engalanadas para o entroido… todo tivo cabida nas fotos do Concurso, demostrando unha vez máis o gran traballo que leva a cabo o profesorado de Galicia no día a día das aulas.
Algunhas das fotos foron publicadas nas redes sociais dos Bolechas –a enorme cantidade de material recibido fixo imposible publicar todo– pero todas as participacións recibiron un diploma e entraron no sorteo de 20 fantásticos agasallos, entre os que hai material informático, discos dos Bolechas e lotes de libros da popular familia.
O luns 7 de marzo realizouse o sorteo e o día 8 publicáronse na web dos Bolechas e nas redes sociais os títulos das fotografías que resultaron gañadoras. Así mesmo, contactouse cos colexios para informalos de que foron agraciados e anunciarlles o envío dos agasallos.
A lista completa de premiados no sorteo pode consultarseAQUÍ.