Os Bolechas mandan unha 'Carta urxente aos Reis Magos de Oriente'
Este ano foi un pouco raro e os Bolechas despistáronse co Nadal. A Carteira Real xa marchou coas cartas aos Reis Magos e eles aínda nin escribiron a súa… Menos mal que hai un último recurso!
Un ano máis os Bolechas volverán a levar a ilusión do Nadal polas vilas de Galicia. Aínda que non sexa un ano máis, como non o foi todo este 2020 que estamos a piques de despedir, a Secretaría Xeral de Política Lingüística aposta por manter no posible a ilusión das nenas e nenos de Galicia nestas datas tan especiais garantindo todas as medidas de hixiene e seguridade, como se leva facendo desde que comezou esta situación a pasada primavera. De feito, hai uns días rematou a xira Os Bolechas e a porta dos Camiñosque percorreu tamén 21 municipios da Rede de Dinamización Lingüística sen ningunha incidencia.
A nova proposta dos Bolechas pretende “seguir ofrecendo ocio en galego para os máis pequenos ao tempo que se apoia o sector cultural”, explicou o secretario xeral de Política Lingüística, na presentación da nova xira. “Se algún sector está sufrindo especialmente esta situación é o da cultura e a mellor forma de axudala é acudindo aos espectáculos e gozando deles” pediu o secretario xeral.
Xunto con Valentín García estiveron Rosa Vilas, directora adxunta da CRTVG e Román Roo, delegado da área de Santiago de Galisa, as dúas entidades que un ano máis colaboraron para facer posible este proxecto.Roomostrou a súa satisfacción porque Gadis colabore un ano máis cos Bolechas e Rosa Vilas recordou a vinculación da popular familia coa canle pública autonómica, onde levan emitíndose desde hai case unha década en diversos formatos, e destacou a posibilidade de poder manter esta “tradición” nun ano en que moitas outras non se poderán levar a cabo.
Pola súa banda Antonio Couto, da Editorial Bolanda, agradeceu a todas as entidades que “un ano máis, e especialmente neste tan difícil que estamos a vivir, fagan posible levar a ilusión a decenas de familias galegas que cada Nadal agardan a visita dos Bolechas ás súas vilas”. A xira comezará en Guntín o 21 de decembro e rematará o 7 de xaneiro en Viana do Bolo. Excepto a primeira función, que será para escolares do CPI Tino Grandío, o resto das funcións serán en espazos municipais, polo que será preciso consultar as medidas establecidas en cada concello.
Carta urxente aos Reis Magos de Oriente
Os Bolechas están na casa cando se decatan de que vai rematar o prazo para enviarlle a carta ás Súas Maxestades Os Reis Magos de Oriente, Melchor, Gaspar e Baltasar. A Carteira Real vai recoller as cartas en breve así que, apuradísimos, póñense a pensar o que queren.
Pili é a encargada de escribir a carta pero hai quen tarda moito en decidirse e quen ten unha lista de xoguetes interminábel... O caso é que, con tanta leria, Os Bolechas pasaron o límite de tempo para levarlle a misiva á Carteira Real e, se chegan fóra de prazo, este ano non recibirán xoguetes.
Os nervios apodéranse de todos. Deciden chamar por teléfono á Carteira Real, pero sáelles un contestador automático dicíndolles que a oficina xa pechou e que non volverá abrir até o ano próximo. O desacougo é xeral. Mais o contestador continúa informando: hai un último recurso para aquelas nenas e nenos que non chegaron a tempo: a Carteira Real de Correos Urxentes. Uf! Menos mal. Chegarán a tempo a este último recurso?
Programación
21 DE DECEMBRO: GUNTÍN
CPI Tino Grandío. Horario: 11.30 h
26 DE DECEMBRO: ABADÍN
Salón de actos do Concello. Horario: 18.00 h
27 DE DECEMBRO: TRAZO
Centro Social Polivalente de Viaño Pequeno. Horario: 17.00 h