Os Bolechas van aos balnearios de Ourense

Máis de 400 escolares de educación infantil participaron hoxe na presentación dun novo título dos Bolechas que servirá para dar a coñecer a riqueza termal da provincia de Ourense. As nenas e nenos levaron cadanseu libro e gozaron de multitude de actividades no Centro Cultural Marcos Valcárcel. 


20 de decembro de 2016



O Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense acolleu esta mañá a presentación do primeiro libro dos Bolechas dedicado ao termalismo da provincia de Ourense, unha publicación editada pola Deputación e que ten como obxectivo “promocionar a riqueza termal a través dun vehículo de comunicación infantil tan potente como Os Bolechas, que falan a nosa lingua e conectan con ese sentimento a prol da nosa terra”.

Así o asegurou o presidente provincial, Manuel Baltar, no acto de presentación, diante duns 400 alumnos de educación infantil dos colexios Maristas, Padre Feijóo-Zorelle e CEIP Vistahermosa, que asistiron ao evento e aos obradoiros e actividades de lecer organizadas coa presenza dos Bolechas.

Baltar agradeceu a participación de colexios, estudantes e profesores, "que teñen moito que ver co éxito desta iniciativa", e á editorial Bolanda, "por facer deste espazo expositivo de Ourense un lugar feliz, rodeados dos ourensáns máis novos”. Baltar agradeceu ao editor Antonio Couto "a sensibilidade e a gran profesionalidade no traballo que leva a cabo o seu equipo para facer realidade a maxia infantil personificada nun personaxes tan queridos polos nenos e nenas de Ourense e de Galicia".

Os Bolechas van aos balnearios de Ourense

O novo título da colección Guías fai un repaso, a través das experiencias dos Bolechas e dos seus amigos ourensáns, dos diferentes establecementos e zonas termais que hai na provincia, destacando os beneficios das augas mineiro-medicinais ourensás. O obxectivo do libro é dobre: "entreter e formar", tal como explicou o editor, Antonio Couto na presentación. A publicación está dirixida a nenos e nenas na franxa de idade dos Bolechas, “desde que comezan a ler ata os oito anos, para que coñezan o gran patrimonio termal da provincia de Ourense”.

O argumento do libro achega aos máis cativos, dun xeito visual e entretido, os beneficios das augas dos balnearios da provincia, por medio dunha viaxe que Os Bolechas fan no tren turístico das termas de Ourense, que ten como matrícula OU 7273, a cal fai referencia aos quilómetros cadrados da provincia, "a provincia termal de Europa", sinalou Baltar.

Museo dos Bolechas en Ourense

Precisamente, hai uns días, o presidente da Deputación anunciou como un dos acordos do Comité de cooperación permanente Deputación-Concello de Ourense a construción do Museo dos Bolechas, "relacionado coa infancia e coa protección e promoción da nosa lingua, unha instalación que será un punto de atracción para Galicia e tamén para o Norte de Portugal, país onde estes personaxes infantís están a acadar tamén un grande éxito", explicou Manuel Baltar.

Para a musealización deste espazo a Deputación de Ourense destina nos orzamentos de 2017 unha cantidade de 200.000 euros, "museo que constituirá un referente interactivo, innovador e novidoso para promover a lingua galega entre os máis novos", expresou Baltar.









Arquivos