A RTP vén de renovar unha vez máis a emisión dos Bochechas
A Televisión Pública de Portugal (RTP) vén de renovar novamente a emisión dos Bolechas, a popular serie que emite a TVG na nosa comunidade desde o ano 2012 de forma ininterrompida. Un total de 52 novos episodios poderán verse no país veciño grazas a esta nova aposta da canle pública estatal pola serie galega, que emite dentro do seu programa estrela da franxa infantil, o Zigzag.
Os Bochechas –como son coñecidos os populares personaxes de Pepe Carreiro en Portugal–, comezaron a emitirse en xaneiro de 2015 da man da Radio Televisión Pública de Portugal (RTP), a empresa pública de radio e televisión que xestiona actualmente varias emisoras de radio e dúas canles de televisión que emiten para todo o territorio portugués, ademais doutras cadeas a nivel nacional e internacional, como a RTP África. A implicación da televisión portuguesa cos Bochechas queda patente tamén nos frecuentes concursos e promocións arredor da serie, como o que teñen en marcha actualmente a través do Facebook do Zig Zag, o programa infantil no que se emiten Os Bochechas.
Ao igual que aconteceu en Galicia, o éxito dos Bolechas no país veciño foi inmediato, o que levou á televisión pública a consolidar na súa programación este produto cen por cen galego que non só conquistou o mundo lusófono senón todas aquelas comunidades nas que se emitiu, entre elas Asturias onde tamén se puideron ver xa varias tempadas dobradas ao asturiano cun éxito de audiencia sen precedentes na televisión autonómica.
Novas propostas audiovisuais
A emisión dos Bolechas en Portugal supuxo un fito histórico para a serie, que leva emitíndose na Televisión de Galicia de forma ininterrompida desde o ano 2012, tanto a serie orixinal, Os Bolechas, como outras específicas que teñen tamén a esta familia como protagonista, como son os capítulos especiais de Nadal ou o curso de inglés One2Three, ademais doutras propostas como o concerto presentación do novo disco Chim Pum, que se puido ver íntego o día de Noitevella e o de Reis na primeira canle da TVG.
En todas as propostas, os protagonistas son os populares personaxes creados polo debuxante e guionista Pepe Carreiro no ano 2000 e convertidos desde entón nun auténtico fenómeno cultural sen precedentes na literatura galega, con máis de 550 títulos editados e máis dun millón e medio de exemplares distribuídos.
Divertida e didáctica
Con esta renovación, a familia Bolechas e o seu inseparable can seguirán divertindo as cativas e cativos de Portugal coas súas aventuras, ofrecéndolles unha alternativa de ocio achegada aos seus referentes culturais e á súa contorna, de xeito que interioricen conceptos e valores de forma amena e natural. Este carácter pedagóxico, unido ás divertidas historias dos Bolechas, foron chave para a súa expansión e foron tamén os dous elementos máis destacados tanto pola TPA como pola RTP á hora de elixila como unha serie de referencia para a súa programación infantil.