O xogo de preguntas e respostas, financiado pola Deputación de Pontevedra, propón descubrir a historia, cultura e curiosidades da provincia e o territorio transfronteirizo con Portugal, fomentando o coñecemento da nosa identidade local.
24 de decembro de 2025
O Centro Cultural da Guarda acolleu a presentación do novo xogo dos Bolechas. Trátase dun xogo educativo de preguntas e respostas, financiado pola Deputación de Pontevedra, centrado na provincia e no territorio transfronteirizo con Portugal, pensado para que os nenos e as nenas descubran curiosidades, historia e cultura dunha forma divertida e participativa.
O acto de presentación contou coa presenza de Roberto José Álvarez Carrero, alcalde da Guarda e deputado de Cooperación Transfronteiriza e Relacións Institucionais da Deputación de Pontevedra, quen destacou a importancia desta iniciativa como ferramenta educativa para fomentar o coñecemento do territorio e das conexións culturais e históricas con Portugal. O alcalde tamén valorou positivamente a combinación de entretemento e aprendizaxe que ofrece o novo xogo, así como a oportunidade de promover a identidade local entre as familias.
O xogo permite aos participantes poñer a proba os seus coñecementos sobre a provincia, desde lugares emblemáticos ata costumes e tradicións, ao mesmo tempo que se achegan á realidade transfronteiriza, fomentando o coñecemento mutuo e o respecto pola veciñanza portuguesa.
Os Bolechas explicaron que esta proposta forma parte do seu compromiso co lecer educativo en galego, ofrecendo materiais e xogos que contribúen á aprendizaxe e á transmisión de valores culturais e lingüísticos desde a infancia. O novo xogo estará dispoñible proximamente en centros educativos, bibliotecas e espazos culturais da provincia, e tamén se incorporará a actividades familiares e eventos lúdicos promovidos pola Deputación de Pontevedra e os concellos implicados.