Os Bolechas presentan este sábado 5 de abril en Sober a súa nova aventura, que transcorre xustamente nesta fermosísima terra da Ribeira Sacra. Na presentación estarán os propios Bolechas e o seu creador, Pepe Carreiro.
Os Bolechas volven ao concello de Sober tras estar xa por estas terras, como queda demostrado na guía Os Bolechas van a Sober que presentan este sábado, 5 de abril, ás 12 horas na Casa da Cultura. No acto estarán o alcalde da vila, Luis Fernández, e o autor dos Bolechas, Pepe Carreiro, e tras a presentación, os seis irmáns Bolechas e o seu inseparable Chispa percorrerán as principais rúas da vila para saudar e fotografarse con todos os veciños e veciñas da Ribeira Sacra que se acheguen ata alí.
Nesta nova aventura os irmáns van vendimar a Sober coa súa amiga Adelina, que lles mostra algúns dos lugares máis fermosos, como o miradoiro de Cividade. Mais Loli, en vez de traballar, come as uvas e enlarafuza toda a cara, e Chispa e Tatá aproveitan para lamberlla e probar o mosto. E con tanto xogo a xemelga acaba caendo ao río Sil, onde uns divertidos animais quererán tamén lamberlle a cara. Como sairán desta Os Bolechas?
Como é habitual, ao principio do libro un mapa guíanos polos lugares máis destacados da zona e ao final hai varias páxinas de actividades relacionadas coa historia para divertirse e demostrar o aprendido sobre Sober e as terras de Amandi.