A caravana dos 'Bolechas deportistas' parará en 15 concellos este verán

Do 30 de xullo ao 21 de agosto, os Bolechas percorrerán Galicia cun teatro de monicreques, actividades do máis variado e sorteos para concienciar aos máis pequenos e pequenas sobre a importancia da práctica deportiva.


29 de xullo de 2022



'Os Bolechas deportistas' é o nome da proposta coa que os personaxes favoritos dos nenos e nenas galegos percorrerán Galicia para concienciar sobre os beneficios que comporta a actividade física e a adopción duns hábitos de vida saudables, ao tempo que fomenta o emprego do galego neste eido.

En colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, esta iniciativa inclúe un teatro de monicreques ao bordo dunha caravana a través do que os Bolechas exporán, de xeito lúdico e didáctico, a importancia de practicar deporte para medrar fortes e sans e incluílo como parte da rutina diaria dende idades temperás. Logo da función, ao aire libre agás no caso de chuvia, os cativos e cativas poderán elixir entre moreas de actividades (sopas de letras, encrucillados, debuxos para colorear…), a realizar nunha carpa adxunta, para afianzar os coñecementos adquiridos. Ao final da xornada, os asistentes poderán voltar aos seus fogares cun recordo dos Bolechas participando nos sorteos de lotes de libros que se levarán a cabo a tal fin.

Con parada en 15 concellos, 'Os Bolechas Deportistas' arranca este sábado 30 de xullo ás 20 horas na Peroxa. Posteriormente, tal e como figura no cartel, recalará nas localidades de Santiso, O Corgo, Quiroga, Campo Lameiro, Viana do Bolo, Vilasantar, O Vicedo, Baños de Molgas, A Lama, Cuntis, Bande, Dumbría, Folgoso do Courel e Santa Comba.









Arquivos