COMEZA… “Os Bolechas na máquina do tempo”

Vedra e Caldas de Reis reciben esta fin de semana Os Bolechas na xira que están a realizar co FalaRedes polos concellos da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia. En total visitaremos ata outubro 40 vilas!


17 de xullo de 2015



Os concellos de Vedra e Caldas de Reis reciben esta fin de semana Os Bolechas na máquina do tempo, no marco do programa FalaRedes que a Consellería de Cultura Educación e Ordenación Universitaria leva, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, por cuarto ano aos concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

Desde mañá, os Bolechas continúan unha viaxe chea de aventuras e diversión por 40 localidades. Braulio, Carlos, Loli, Pili, Sonia, Tatá e o inseparable Chispa atoparán un aparello que os teletransportará ata o futuro e os converterá en adultos: a máquina do tempo. O doutor Apolodoro –o científico tiruleco propietario da máquina– guiará os irmáns nun percorrido para coñeceren as diferentes etapas da Historia, e no que precisarán a inestimable axuda do público para regresaren ao presente.

A cita en Vedra é este sábado, 18 de xullo, ás 19:00 horas no Museo Paz Camps en San Fins de Sales. Logo, Os Bolechas viaxarán ata Caldas de Reis onde se presentarán ante o público o domingo 19 ás 12:00 h no Auditorio Municipal. 

Sorteos na web 

A páxina web da nova proposta dos Bolechas inclúe toda a información sobre a actividade e a xira, ademais de actividades e un concurso aberto a todo o mundo no se sortean tantos lotes de libros dos Bolechas como funcións da xira se realicen cada mes. A finais de xullo realizaranse, por tanto, oito sorteos, os correspondentes ás funcións previstas para este mes. 









Arquivos