O Concello de Gondomar promove a igualdade a través da lectura dos Bolechas
Hoxe comezou a lectura do libro Os Bolechas no camiño da igualdade en Gondomar nos colexios deste municipio. A actividade, promovida polo Concello de Gondomar, desenvolverase nos colexios Souto Donas, Xosé Neira Vilas e Chano Piñeiro.
A lectura versará sobre unha campaña de igualdade de xénero e de oportunidade, englobada dentro da programación do pasado 8 de Marzo, día internacional da muller e tamén forma parte das actividades que se iniciaron o día 25 de novembro coa presentación do propio conto no Auditorio Lois Tobío, á que asistiron os Bolechas e Pepe Carreiro.
Ademais da lectura, a cativada –de entre 6 e 10 anos– comentará o libro e afondará nos valores que se tratan nel. Os bolechas no camiño da igualdade en Gondomar é unha unidade didáctica financiada polo Concello de Gondomar, na que ademais das aventuras dos Bolechas polas parroquias do municipio hai actividades e xogos. Todos os centros educativos do municipio terán exemplares dispoñibles para consulta do alumnado.