Os Bolechas visitan unha galería de arte na súa nova xira de teatro

 "Os Bolechas en familia visitan unha galería de arte" é o título desta nova xira teatral coa que a familia visitará un total de 21 concellos de toda Galicia para encher as salas de diversión entre a cativada, unha alternativa de ocio para valorar a arte e coñecer os nosos antepasados.


09 de outubro de 2023



Bisavós e bisavoas, tataravós e tataravoas, familiares prehistóricos… os antepasados dos Bolechas regresan nesta nova aventura plasmados no lenzo. A nova obra de teatro “Os Bolechas en Familia visitan unha galería de arte” chegará aos teatros de toda Galicia, o seu estreo tivo lugar na Casa da Cultura do Milladoiro, no concello de Ames.

Neste teatro de monicreques, os irmáns visitan unha galería na que coñecen a un pintoresco artista e os seus cadros abstractos e surrealistas, mais non acaban de entender este tipo de arte e prefiren pintar cadros máis figurativos e realistas. Despois de darlle moitas voltas, e coa axuda do público, deciden debuxar aos seus antepasados.

Esta iniciativa enmárcase dentro do FalaRedes, un programa de dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Dende a Secretaría, remarcan a importancia desta iniciativa xa que “Os Bolechas son un referente positivo para os cativos na promoción e o uso da lingua e cultura galegas, así como unha forma de dinamizar o ocio en galego”, sinalan.

A xira está orientada a un público cativo de entre 5 a 12 anos, mais tamén é unha opción para pasalo ben en familia. Deste xeito, a obra pretende fomentar o interese pola arte e polo coñecemento da familia e os nosos antepasados, sen perder a diversión dos nenos e nenas. Os Bolechas son referentes na promoción e uso do idioma galego, polo que é unha perfecta alternativa de ocio en galego, que tamén motiva o coñecemento dos nenos e nenas, ao mesmo tempo que se reforza a arte como un elemento potenciador do noso patrimonio e de lembranza e honra dos antepasados.

18 concellos

Cun total de 21 actuacións, o concello de Ames foi a primeira actuación da familia, e a el seguirán os de Guitiriz, Celanova, Rianxo, Pontedeume, Porto do Son, Ribadeo, APobra do Caramiñal, Abegondo, Vilariño de Conso, A Cañiza, Carballedo, Nigrán, Bueu, Monterrei, A Rúa, Cospeito, Ribadavia, Ponteareas, Narón, e finalmente, o concello de Muros.

Calendario da xira

7 de outubro. Ames. Casa Da Cultura Do Milladoiro. 18 H.

21 de outubro. Guitiriz. Casa Habanera. 18 H. 

22 de Outubro. Celanova. Auditorio Municipal. 17 H.

28 de Outubro. Rianxo. Auditorio Municipal. 12.30 H.

28 de Outubro. Pontedeume. Casa da Cultura. 18 H.

29 de Outubro. Porto do Son. Casa da Cultura. 17 H.

31 de Outubro. Ribadeo. Auditorio Municipal Hernán Naval. 17.30 H.

 

 4 de Novembro. A Pobra do Caramiñal. Teatro Cine Elma. 17 H.

5 de Novembro. Abegondo. Centro Cultural O Salón. 18 H.

11 de Novembro. Vilariño de Conso. CEIP San Martiño. 17 H.

12 de Novembro. A Cañiza. Auditorio da Casa Da Cultura. 12:30 H.

12 de Novembro. Carballedo. Salón de Actos do Concello. 18 H.

11 de Novembro. Nigrán. Auditorio Municipal. 12 H.

18 de Novembro. Bueu. Centro Social do Mar. 17:30 H.

19 de Novembro. Monterrei. Casa da Cultura De Albarellos. 12 H.

25 de Novembro. Cospeito. Casa da Cultura. 12.30 H.

25 de Novembro. Ribadavia. Auditorio Casa da Cultura. 19.00 H.

26 de Novembro. A Rúa. Centro Cultural Avenida. 17 H.

30 de Novembro. Ponteareas. Auditorio Municipal Reveriano Soutullo. 17.30 H.

 

2 de Decembro. Narón. Centro Manuela Pérez Sequeiros. 18 H.

3 de Decembro. Vigo. Museo do Mar. 12 H. 

3 De Decembro. Muros. Auditorio Do Centro Cultural E Xuvenil. 17.30 H.


 









Arquivos